Nesta sociedade lévanse a cabo durante todo o ano moitas e diversas actividades culturais, formativas, recreativas e sociais, tales como:
- Cursos de lingua galega
- Exposicións
- Viaxes culturais
- Conferencias e charlas sobre temas galegos, etc
Con motivo do Día das Letras Galegas celebran no mes de maio a semana cultural con proxección de películas de cine galego, conferencias, recitais poéticos, etc. A festividade propia das Letras Galegas celébrase conxuntamente cas demais entidades da Federación e cada ano ten lugar nun centro distinto permitindo así que todos sexan anfitrións nalgunha ocasión.
Desde o ano 1992 publican anualmente a revista “Outeiro”, a cal ten unhas seccións fixas nas que se recolle a actividade da sociedade ao longo do ano, un tema específico sobre o persoeiro a quen se lle adica o Día das Letras Galegas, algún tema de actualidade referente ao ano en curso e colaboracións sobre distintos asuntos sempre relacionados con Galicia e Salamanca.
Como actividades máis salientables no campo recreativo, cabe destacar a celebración do Entroido, a Festa de Santiago Apóstolo, a festa de Reis para os nenos, o “Luns d’Aguas”, etc. Durante a primeira quincena do mes de setembro teñen lugar na cidade as Feiras e Festas de Salamanca e a entidade colabora co concello aportando actuacións de grupos folclóricos pertencentes a centros galegos que forman parte da Federación de Centros Gallegos de Castilla y León da cal esta sociedade é membro destacado.
No pasado ano 2004, con motivo do Xacobeo, fixeron unha peregrinación a Santiago de Compostela, con Misa do Peregrino na Catedral, cantada pola coral do centro e que congregou ao resto das Casas galegas ubicadas en Castilla y León.
A Consellería de Emigración contribúe ao mantemento das actividades do centro a través dos seus programas “Axudas para a realización de proxectos formativos e culturais e actividades asociativas na Galicia exterior” e “Accións informativas na Galicia exterior”.