O Centro Gallego de Salamanca foi fundado o 27 de maio de 1957. A institución xurdiu pola inquietude dun numeroso grupo de estudantes galegos que recibiron o apoio e o respaldo de distintas autoridades locais, de orixe galega, que neses momentos desempeñaban os seus cargos en Salamanca, como era o caso de José Luís Taboada García, quen exercía de gobernador civil da provincia por aquela época.

As primeiras reunións para concretar a formación da entidade fixéronse nos baixos dunha cafetería e a elas acudían unha trentena de galegos. O concello facilitoulles o enderezo dos galegos residentes na cidade (que non chegaban ao millar), a partir dunha petición dos membros destas primeiras asambleas.

A primeira Asamblea Xeral, á que acudiron prensa e radio locais, fíxose nos locais da Sociedad Musical Filarmónica, con cuxa directiva acordaron o traspaso do local, que a partir dese momento pasou a ser a nova sede social do Centro Gallego.

Desde o primeiro momento existiu unha gran sintonía entre os membros da institución e a cidadanía, xa que gran parte dos socios estaban moi implicados na vida social da cidade. Por outra parte, ó crearse unha sección de socios simpatizantes, eran moitos os salmantinos que formaban parte desta sociedade.

Esa tradición continúa na actualidade e un número importante dos socios deste centro, desempeña postos de representación na vida social, política, académica e empresarial da cidade. En consecuencia, ao Centro Gallego, sempre se lle considerou en Salamanca como unha institución galega enormemente ligada ás actividades social da mesma.

Nos primeiros anos organizaban moitos bailes con orquestra (bisemanais), cobrando aos non socios unha pequena cantidade; tamén facían distintas rifas nas que participaban os socios, pero coa instalación dun bingo, fonte principal de financiamento do centro, a súa situación económica melloraría considerablemente permitíndolle mercar unhas instalalcións máis completas.

Dende 1990 teñen local social en propiedade no que dispoñen de restaurante, salóns de usos múltiples para exposicións e conferencias, bar de socios, sala de xogos (para cartas, axedrez, dominó, etc), gran salón, sala de prensa e unha importante biblioteca con máis de 4.000 volumes.

No ano 1982, coincidindo co seu XXV aniversario, adquiriron unha parcela chamada Finca “El Juncal” situada a 4 kilómetos de Salamanca, no lugar de Villamayor de la Armuña. O obxectivo é destinala a zona deportiva coa idea de atraer á xuventude ao centro. A extensión aproximada é duns 18.000 m2, na que se conta cun edificio e unha zona de arborado.

A este centro foille recoñecida a condición de galeguidade o 3 de marzo de 1988, e conta na actualidade con 247 socios dos que 162 son galegos.

A entidade é membro da Federación de Centros Gallegos de Castilla y León e o seu presidente tamén o é da Federación.